Saturday 11 de May de 2024

A Xunta negocia coas organizacións sindicais o proceso que mellora a selección e nomeamento de persoal interino na Administración de Xustiza


― Trala mesa sectorial procederase á publicación da convocatoria de apertura da bolsa, onde os interesados poderán presentar as súas solicitudes

― A modificación da Orde do 4 de outubro de 2018 mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou rendemento ou a flexibilización dos requisitos para o acceso a bolsas de traballo, entre outros aspectos

A Xunta de Galicia convocou hoxe ás organización sindicais representadas na mesa sectorial do persoal da Administración de Xustiza para negociar o proceso que mellora a selección e nomeamento de persoal interino.

O pasado 17 de decembro publicouse no Diario Oficial de Galicia a modificación da Orde do 4 de outubro de 2018 sobre selección e nomeamento de persoal interino para cubrir postos de persoal funcionario na Administración de Xustiza en Galicia, que mellora aspectos como a igualdade de trato e de oportunidades entre homes e mulleres, a supresión do cesamento do persoal interino por falta de capacidade ou rendemento ou a flexibilización dos requisitos para o acceso a bolsas de traballo, entre outros aspectos.

Unha vez publicada a modificación, e con carácter previo á publicación da correspondente convocatoria, a Dirección Xeral de Xustiza convocou a mesa sectorial do persoal da Administración de Xustiza para negociar coas organización sindicais representadas os pormenores da convocatoria.

Nas modificacións previstas cobra especial relevancia o número de integrantes dos que se dotará tanto a bolsa de traballo como a bolsa de reserva para os corpos de xestión, tramitación e auxilio xudicial. Cabe salientar que a Orde publicada o 17 de decembro recolle a necesidade de flexibilización dos requisitos específicos esixidos para o acceso ás bolsas de traballo atendendo a diversas circunstancias que aconsellan dispor dun maior número de integrantes para dar cobertura ás necesidades actuais de provisión de postos desocupados.

As principais causas que aconsellan incrementar o persoal das bolsas son, entre outras, a creación de novos órganos ou o incremento dos plans de reforzo motivados pola elevada carga de traballo que soportan os órganos da Administración de Xustiza ou o elevado número de xubilacións voluntarias, circunstancias ambas agravadas pola situación derivada da pandemia. Así, a proposta da Dirección Xeral é elevar de forma proporcional o número de integrantes da bolsa atendendo ás necesidades de contratación desde a anterior convocatoria. Esta proposta, xa facilitada ás organizacións sindicais, foi explicada polo miúdo na mesa sectorial e está aberta a ser modificada respecto das achegas que realicen os sindicatos, co obxectivo de acadar o maior consenso posible na negociación de cara á publicación da convocatoria.

Logo desta negociación procederase á publicación da convocatoria de apertura da bolsa, prevista para o mes de xaneiro logo de recadar os informes preceptivos previos a dita publicación, para que os interesados poidan presentar as súas solicitudes.